Me he trasladado! Redireccionando...

Deberías ser trasladado en unos segundos. De no ser así, visita http://www.manueljabois.com y actualiza tus enlaces, gracias.

Mostrando entradas con la etiqueta De Luns a Venres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta De Luns a Venres. Mostrar todas las entradas

viernes, abril 3

Miss

A frivolidade hai que saber entendela desde unha posición afastada de miramentos ideolóxicos e cunha certa deixadez, coma quen che rouba algo que non queres. Os anos fixeron a un frívolo á maneira desa vella mala a quen non lle importa rir a morte do neto parvo: alguén antirretórico máis de chiscadelas que de verdades, e non hai comentario que desbote por unha razón tan literaria como a da banalidade. Así a Miss Universo que saíu dunha visita guiada por Guantánamo dicindo, como a nena superflipada que baixa da noria: “Visitamos os campos dos detidos, vimos os cárceres, onde se bañan… Vimos os cans militares facendo unha demostración moi linda e foi unha viaxe memorable e moi divertida”. Esa personaxe a min interésame non por unha cuestión menor. Hai frivolidades ben caras e esta non o é: é a beleza falando por boca da inocencia, tan sensible á hora do amencer. Como Mariah Carey ao dicir que cando ve os nenos famentos lle dan ganas de chorar: “Quero dicir, encantaríame ser así de fraquiña, pero non con esas moscas e morte e iso”. O atrevemento, por selo, é unha forma moi delicada de verdade. Díxoo Gide e repetiullo Plà: “O máis profundo do home é a súa superficie”.

viernes, marzo 27

Pepe

Pepe marchara de Santander no 91, ano histórico en España porque se instalou o mamachichismo na televisión e a xente encheu os bancos para deixar os cartos e andar máis lixeiros. Chamábanlle Pepe o do Popular porque a xente é así. Unha vez alguén deixou este titular en El Progreso: “Eu son Paco e non me quites de aí”. Parece humildade, pero ollo. Para que se che coñeza na rúa co nome de pila hai que ter detrás moita vida e ter xuntado moitos amigos no Facebook. Felipe será sempre Felipe e en Galicia a xente tamén dicía moito o de Emilio: iso é que te queren ben. A Pepe o do Popular a xente queríao “un huevo”, que dixo un cliente del, e dábanlle os cartos en confianza, que para iso traballaba nun banco e non na pescadería. En Galicia houbo logo outro Pepe moi famoso á parte de Cuíña, pero era Pepe o do Pastor. Se alguén se chama Pepe e ten que pedir traballo a un banco case mellor que se presente como O Solitario. Mais todo ten unha explicación. Da mesma maneira que houbo un Pepe carpinteiro que deixou a muller embarazada dun deus sen tocala (¡Pepe o do Pastor!), tamén eles foron paseniño enchendo o peto cos parabéns da sociedade ata crear outro deus sen mancharse. Todo moi familiar.

viernes, marzo 20

Linces

Hai uns anos Dolce & Gabanna fixera un anuncio que provocou unha tremenda polémica nas morais máis sensibles. Nel víase unha fermosa muller sometida por varios homes aceitosos e musculados de prometedora sexualidade, nun dos cales moita xente me recoñecera pola rúa. Naquela imaxe había dominación e eu entón escribira un festexado artigo onde metía aquel parágrafo logo tan citado nas facultades: “A publicidade tende a recoller o pulso da vida baixo o ollo clínico da provocación e dun moi inspirado reflexo social” (dito coa cara de Woody Allen en Soños dun sedutor cando mira a namorada e di: “A choiva arrastra os recordos polas beirarrúas da vida”). O meu punto de vista nestes tempos sempre foi o de Benetton, Dolce & Gabanna e todas esas marcas para ricos que entenden as campañas de publicidade como a mara salvatrucha os pans: como hostias. Que se fale aínda que ben, dixo Wilde nun momento de debilidade. Eu defendo a posición da Igrexa católica, marca de luxo, que vén de encher portadas bebendo da fonte (¡milagre!) de Oliverio Toscani. Botan en cara os curas que as leis protexan máis o lince que os homes, sexan os homes o que sexan: e canto máis os coñezo, máis quero o meu lince.

lunes, marzo 16

Encargo

O resultado das eleccións autonómicas vén de abrir un debate de altura: ¿é Galicia de dereitas? A pregunta hai que circunscribila no tremendismo postelectoral, pois aínda non se respondeu outra pregunta aínda máis sensual: ¿que é Galicia? Lembro a primeira vez que mo preguntaron. Estaba na casa e chamaron para facer unha enquisa. Empezaron cunha moi faciliña: ¿séntese vostede máis galego que español ou máis español que galego? Tomei aire e sentei na mesa da cociña. Bebín un vaso de auga e mirei pola fiestra. Pasou a miña vida por diante, e chorei lembrando a infancia e os avós, e ata puiden recuperar a emoción do primeiro bico. Cando collín de novo o teléfono o dinosauro aínda estaba alí. Dixen a verdade: “Síntome Flex”. Nunca me levantara especialmente galego ou especialmente español. Tampouco tiña conciencia de nada. Cando a seguinte pregunta foi que era para min Galicia dixen rápidamente a verdade: “Iso é traballo dos intelectuais”. Dito por alguén que abomina dos intelectuais entendidos como tales e que ultimamente nin sequera le pois danlle mareos, a resposta adquire certa sensibilidade, un íntimo esplendor. Iso é Galicia: un encargo para intelectuais.

jueves, marzo 5

Tamén

A Moragas levouno o PP na campaña polas corredoiras e nunha delas picou unha roda: vaia zarzuela. Superouno, dixo, grazas á calor que recibiu dos “gallegos profundos”. En mala hora. Se hai algo que Galicia non resiste é a profundidade. Nós somos máis de superficie. En Galicia a profundidade vai a xeito co pailán que leva a vaca atada pola corda pero que é, na súa variedade folclórica, un Einstein local que os da capital aplauden. Tamén hai irmáns que se matan por terras, pero aquí e mais en Iowa, dende que o home é home e os pais morren. Moragas ademáis é un relambido, así que estaba servido. Déronlle tantos paus que tivo que aclaralo en clave política, que era ao que andaba polas corredoiras. A min a historia lembroume o chiste dese home que leva a súa filla a coñecer “la Galicia del rural” e pregúntalle a un gandeiro que tal leite lle dan as ovellas. “As brancas ou as negras?”. “Non sei…, as brancas”. “As brancas dan un leite boísimo, estupendo!”. “E as negras entón?”. “As negras…”, primeiro dubidando e despois xa convencido: “as negras tamén”. E así coa la e a carne ata que lle pregunta o home cal é a diferenza entre as ovellas. “Home, é que as brancas son as miñas!”. “E logo as negras?”. “As negras…, as negras tamén!”.

lunes, febrero 23

Naufraxio

Wallace H. Hartley, Roger Bricoux, Fred Clarke, P.C. Taylor, G. Krins, Theodore Brailey, Jock Hume e J.W. Woodward formaron a orquestra do Titanic. Na noite do 14 de abril de 1912, co barco indo cara a morte, puxéronse no salón da primeira clase para que os pasaxeiros non perdesen a calma. Cando a traxedia xa non tiña volta atrás, entre as carreiras duns e doutros, cos botes cheos de xente na procura da resurrección, os músicos puxéronse na popa e seguiron interpretando as súas pezas no medio daquel baile de terror. Tocaron ata morrer: ninguén deles sobreviviu. Testemuñas dixeron que a última peza foi unha traducida como Máis preto, Deus, de ti. Hoxe en día fálase de actuar como a orquestra o Titanic a quen mira a outro lado ou segue a súa vida como se nada pasase cando algo de ti se derruba. Pero o Titanic non tiña salvación e a música da súa orquestra representaba o último deber feito e unha certa diabólica expresión de beleza, como pecharlle os ollos a un morto. Chega un momento do naufraxio no que o home debe asumir con dignidade o seu destino e marchar coa grandeza das insólitas ocasións. Como aquel de Absalón, Absalón!: "Vai ser quizais que nos mataron; pero aínda non acabaron connosco, va que non?".

viernes, febrero 13

Barack Quintana

Barack Quintana, titula sen exceso A Nosa Terra. Houbo non hai moito un Barack Guardiola e cen mil Baracks máis. E moito antes, case na prehistoria, un Barack Obama. Os políticos, coma os futbolistas, nacen en comparanza. A prensa non busca o novo Maradona senón o novo Messi. E repasa os candidatos ao seguinte Barack cando non leva un mes no cargo. Todo é moi vello. Se o de Quintana sorprende é polos termos cos que o levan da man á White House: “Pode un enfermeiro, ex alcalde dunha vila de seis mil habitantes, que fala galego habitualmente, chegar a ser presidente de Galiza?”. O vicio é tanto que se lle perde o punto á realidade. A pregunta tería sido outra: “Pode un ex ministro de Franco, colaborador activo dunha ditadura militar, que perseguiu o galego habitualmente, chegar a ser presidente de Galiza?”. Yes, we can e dezaseis anos. Que chegase Fraga podería ser intrepretado como se Obama gaña unhas eleccións no estado de Alabama no século XIX, mais nunca foi nada extraordinario e deuse por lóxico. Este país está afeito a escándalos. Se Quintana gaña en Galicia non será superando esa barreira histórica tan singular de que fale galego habitualmente ou veña de ser alcalde de nada. Peor o tería se fose negro, non teñan medo.

jueves, febrero 5

Demo

Deus é bo pero o demo non é malo. Vén de coller o refrán Kiko da Silva, director de Retranca, para ilustrar á empresa de autobuses que desbotou unha campaña de publicidade da publicación da revista. A mensaxe de Retranca era contrarrevolucionaria: “Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?”. Nun país no que se teñen censado xentes que xa non viven empadroadas en concellos imposibles é moito pedir, pero alá Retranca. De tres meses de publicidade que contratou a revista, Vitrasa entendeu que con seis horas chegaba, pero onte houbo acordo e seguirá a campaña, cambiando ‘deuses’ por 'Zeus', máis olímpico. Tamén é certo que en menos de seis horas dálle tempo a calquera a probar a existencia de varios deuses e a invisibilidade, case chanante, da cultura galega. Mais sorprendeu a primeira reacción da empresa de autocares, que veu dicir que non quería problemas na terra nin no ceo. Sorprende porque das cousas máis tremendas que a un lle quedaron das misas que papou de neno é que aos tibios “Dios lo arroja por su boca”. Se iso fai Deus, que é bo, qué non fará o demo, que non é malo.

viernes, enero 30

Os mortos

Antigamente eran as mulleres as que ían comprar a caixa para o morto e volvían con ela baleira sobre os moños na cabeza. Unha factura que se conserva dos anos corenta ten o prezo do cadaleito, da roupa negra e do quilo de pan, porque as distancias eran longas e moita xente durmía na casa do morto. Naqueles velorios achegábanse os parentes a levantar o defunto e facerse fotos con el. O peito enorme dunha romana achegouse ao cadáver de Julio César e derramou leite dentro da súa boca. Tamén a morte perdeu liturxia. Nin os enterros se celebran pola mañá nin son sempre as mulleres as que marchan elixir a caixa como quen vai a Portugal mercar toallas. Ao lado de Valle na mesma noite de tormenta de Boisaca enterraron os falanxistas un can morto. Aínda hai familias que pagan o mellor cadaleito porque “traballou toda a vida e merece descansar ben”. Unha veciña de Anceu, en Ponte Caldelas, queixábase hai anos de que se lle aparecía unha irmá morta que non a deixaba en paz e pronunciaba o seu nome na soidade da casa. Ata que un día, no cemiterio, achou que a porta do seu nicho andaba medio aberta e batía co vento. “Pobre miña irmá", dixo, “chamábame porque non quería que rompese e botase gasto na casa”.

viernes, enero 9

Sacha

Nunca houbo relación máis folclórica entre a ciencia e a moral como nun caso que vén de despachar Nature na súa portada desta semana: Sacha é fillo do seu pai, Borja Thyssen. A historia é fascinante e ilustrativa. Anos despois de regalarlle un par de peitos (¡o paraíso!), a baronesa Thyssen dubidou da moral da súa nora cando lle deu o primeiro neto: unha cousa é o que saia por riba e outra, moi diferente, por baixo. Obrigou ao seu fillo a pasar unha proba de paternidade: fíxoa, e confirmou ser o pai. Fixo outra, que tamén o confirmou. E a nai, coma nos contos de fadas, fixo pasar ao fillo pola terceira. As revistas dixeron que o neno Thyssen negouse a elo, máis preocupado polas súas reservas de ADN que dos presuntos cornos, tan sachado estaba. Pero foi igual, e os resultados seguiron a ser os mesmos. Se a ciencia foxe xusta (que non o é, porque non sempre a verdade o é), nunha terceira proba a paterrnidade de quen sexa debería apuntar a Shrek. Pero nada hai máis transparente que o ADN e nada máis felino ca moral dunha nai. E Sacha xa é fillo de tres pais: do rapaz Thyssen (ese Paquirrín fashion), da sospeita da súa avoa e dun sutil avance científico que pon contra as cordas, sorprendentemente, á moral. Coma no porco, tamén na ciencia é todo aproveitable.

jueves, noviembre 27

Drogas

Hai dez anos o cantante Manolo Kabezabolo tocou en Mougás. Saíra cun permiso do psiquiátrico. “É un permiso moi curtiño, así que vou cantar as cancións unha detrás doutra e a toda hostia”, díxolle ao público. Rematou en vinte minutos. Lembrei aquela historia vendo unha serie de programas chamado Carta Blanca que emitía a TVE e que pode atoparse agora no Youtube. Nun estivo invitado Antonio Escohotado e levouse con el a Albert Pla e a Bebe para falar das drogas. Escohotado é o autor de Historia General de las Drogas, que é un ensaio monumental. Dixo o filósofo que a prohibición fora o maior experimento moral do século, xa que as drogas sempre estiveran ata entón aceptadas. E chamou a atención sobre unha cousa: mentras o prezo das cousas sobe cada ano, as drogas seguen a custar o mesmo, ou aínda menos, que hai quince. Pla dixo nalgún intre: “Ás veces a xente...”. E Escohotado cortoulle: “¿Ti consideraste parte da xente, Albert?”. Escohotado defende a educación, non a prohibición, que conleva ignorancia. “Non podes conducir un automóbil sen aprender”. Bebe fumaba un pito tras outro e ás veces sorría. Ao final Escohotado preguntoulle a Pla pola mortalidade a causa da droga. Pla, coa cola de pelo suxeita cunha gomiña rosa, subiu algo as cellas e baixou aínda máis a voz: “Home, a mortalidade inventouse antes que as drogas, ¿non?”.

viernes, noviembre 21

Películas

Unha das cousas que non se entende do Ministerio de Interior é o seu esforzo melancólico na transparencia informativa. Os detalles da detención dese líder Garikoitz Aspiazu e a súa socia nos negocios da liberación nacional tiñan que deixarse no aire, para que nós maxinemos, en canto privilexio do espectador. Pero non: o que podería ser material para unha pelicula de Scorsese queda nunha persecución en calzóns de Alfredo Landa. Ao número un da banda terrorista localizárono porque os espías americanos deron coa súas contas de correo. Sobre a pista obtida pola dirección coa que se negociou a tregua (jternera@eta.es), os desencriptadores da CIA deron coas direccións de Txeroki: a persoal (gaspiazu@eta.es) e a outra (comandos@eta.es). Tras iso, ao servizo secreto francés chamoulle a atención unha matrícula “imposible”. “Im-po-si-ble”, deletrou Rubalcaba. Ao parecer, á localidade de Cauterets chegara un carro tirado por cabalos cun tipo de pescata vestido como para a Feira Franca de Pontevedra e cargado de pistolóns. Fixeron o asalto de madrugada e acharon no piso 100 gramos de haxís. Tamén isto o contou Interior, desmontando a vaidade da esmorga abertzale, que pensaba que os gudaris mataban aos traficantes para que os mozos borrokas non caesen no vicio, e resulta que os mataban porque os prezos debían de estar moi altos.

jueves, noviembre 13

Montesco

No canto da nenez, parece que hai xente que viviu sempre de pé. Achalos pola rúa é un daqueles praceres cotiás, como saír da toupeira cun ferro entre os dentes. Remexer as súas vontades, coa présa de quen quere morrer axiña para aprender a andar. Veño de escoitar a Gainsbourg e asinto: para morrer os trinta aqueles que puña como fronteira Fitzgerald non valen (deixan de valer en tanto que se cumpran: antes aínda convalidan) e póñense de moda os corenta e un (se hai unha Jane Birkin que te bique). Se a vida fose informática, quen reiniciaría? Depende do amor? Vén de dicilo nese título Agustín Fernández Paz: o único que queda é o amor. O amor e a morte, porque houbo familias en Verona que non soportaron tanto. Mais se a vida fose informática, dime, quen reiniciaría? Depende non tanto da idade como do único que quede para nós. No canto da nenez, parece que hai xente que sempre vivíu como un dead man walking, percorrendo desta vez e doutra derradeiros metros en derradeiras praias. E se non houbese máis vida, quen a pararía? Quen a pararía coma un neno parando un tren? Pararíala ti, fillo? Pararías o tren antes de miralo pasar enriba túa, como un dead man squashed? E se a vida fose só pasado, neno: viviríala? Viviríala se hai quen atopa aquel balcón de Verona, onde fuches como un dead man walking a mirar os derradeiros ollos?

jueves, noviembre 6

Superstición

Un dos espantos do crime organizado é a súa capacidade, nada inocente, para que a sospeita empape moi sutilmente a sociedade. Nesa limpa teoría que ETA achou para acovadar as súas vítimas destacaba un termo de semente nazi: a socialización do sufrimento. O ambiente era coñecido por Vito Corleone cando reuníu aos capos de Nova Iorque nunha reunión na que ofreceu a man para esquecer os fillos mortos dunha familia e doutra. “Pero se lle cae un raio enriba, ou ten un accidente de coche, ou lle sobrevén unha desgraza… Eu son un home supersticioso, e se algo lle pasa ao meu fillo Michael, a miña superstición faríame crer que vostedes tiveron algo que ver”, di na pasaxe na que o vello Padrino lembra que as leis e a xustiza da mafia son paralelas ás do Estado: “unha cosa nosa, unha cosa nostra”. Onte, cos ecos vitoriosos de Barack Obama, apareceu nos xornais a noticia da morte do ministro mexicano de Interior, Juan Camilo Mouriño, nun accidente aéreo. Nun país no que aparecen mortos a deceas ao cargo das mafias do narcotráfico e se sublima o tan corleonesco “que pareza un accidente”, calquera suceso xa leva de seu o cheiro bastardo do crime, sexa ou non verdade. Mala cinematografía nunha sociedade a que o ruido dos corpos que pasan río abaixo acala as sospeitas e o balbordo que van deixando atrás, como un fume infame.

miércoles, noviembre 5

Cópula

David M. Buss é autor de La evolución del deseo, un ensaio no que pasa revista á natureza humana e os seus máis descarados hábitos. No libro relátanse as mellores historias de amor que se teñen escrito (e aínda máis: lido), e sempre dende un punto de vista xeneticamente feliz: o científico. Despois de todo, nada produce máis emoción que a verdade na súa elegante e discriminatoria pureza. Shakespeare sabía que a traxedia era namorarse dunha Capuleto, pero non sendo un Montesco, senón un Capuleto, coma min. No seu libro, David M. Buss describe con máis amor os detalles ocultos. Chama a atención, polo seu compoñente tráxico, o caso das moscas escorpión. A femia desta mosca rexeita aparearse co macho a non ser que este lle traia un regalo de voda, que ten que ser, por prescrición sexual, un insecto. Só mentres a femia o come, e non antes, o macho pode copular con ela. No acto, o macho ten suxeito o regalo para impedir que ela marche antes de que el acabe a cópula. Tarda como vinte minutos en deixar todo o esperma nela, e eles procuran elixir sempre un insecto que as femias tarden en comer, máis ou menos, ese tempo. Se o regalo é máis pequeno, e a femia o come antes de que el acabe, ela bótao do seu lado. Se é maior, e a femia tarda máis de vinte minutos en comelo, os dous pelexan a morte polas sobras. O amor nunca vai en liña recta.

jueves, octubre 9

Mexan por nós

O mesmo día en que o presentador Jesús Álvarez definía como unha mala xornada para os equipos españois a derrota do Atlético e o empate do Madrid contra Barcelona e Espanyol, xurdía en Cataluña a máis brava expresión de igualdade que se ten feito na Historia e unha das fronteiras que quedaban por derrubar para acabar co machismo: a mobilización das mulleres polo seu dereito a mexar na rúa. O lema impón: “Nosotras también vamos por la calle y podemos hacerlo”. Trátase dunha maneira, din, de contribuír á loita feminista centrada nas formas cotiás de sexismo. Quere dicirse que o feito de que un home pare na rúa a mexar é sexismo, xa que é algo que (ata onte) non se podía permitir unha muller. O que non saben moitas feministas é que cada vez aos homes nos gusta máis mexar sentados (na casa, preferentemente, e aínda máis: no váter). Ten máis que ver coa preguiza que co feminismo, pero xa se sabe que na vida, como no xornalismo, o de menos é o why. Polo demais, a psicose das mulleres sen baño e dos nacionalistas que aplaudiron ao presentador Álvarez ten diagnóstico: demasiada sensibilidade. Andamos todos pola casa coa punta dos pés e as luvas postas, non vaia caer algún floreiro. E conviña desensibilizarse un pouco, máis que nada polas feministas que defenden o mexo furtivo. Non vaian a empezar a xuntarse por miles en manifestacións.

jueves, octubre 2

Franquistein

Un día despois de que o científico Anxo Carracedo dera unha lección maxistral en Pontevedra sobre o xenoma e as súas vibrantes consecuencias, o deputado Aymerich (BNG) vén de dar outra no Parlamento: o PP ten "un código xenético conservador e reaccionario". Non sabemos que dirá Carracedo disto e, peor, non sabemos que dirá o alcalde Fernández Lores, sentado en primeira fila da conferencia e encantado coa clase. A xenética en mans da política é un valor intraducible, por iso que o PP respondera falando de cromosomas X e Y foi como se de súpeto empezase a tocar o bombo o coelliño aquel de Duracel. Algo si chamou a atención: o aviso de Aymerich de que os do PP "veñen do franquismo". De onde vén Aymerich: do republicanismo cívico de Pettit, da Idade do Xeo, do carlismo, da revolta irmandiña? Se hoxe se fala do franquismo, axitado como un ser vivo con retallos de cemiterios, é polo que é antifranquismo teórico, véxase Aymerich, ou práctico naqueles anos, véxase Pío Moa. Cando a socialista Villarino lle nega a palabra ao deputado, el di: "A presidenta do Parlamento é do PP". Mais había que traducir ao acusica. Contou un bo día Fernando Savater que lle suaba a idea de España, Ferlosio que leva odiando España desde sempre e onte Garci, orgulloso da súa xenética, soltou que a traxedia (revertiana, suponse) de España é "inextinguible". Se de algo pode presumir o nacionalismo é da súa concisión, o seu acougo e a súa lucidez histórica. O deputado Aymerich, mirando a Dolores Villarino e sinalándoa con certo medo, quixo resumir o estado xeral das cousas: "España es ti". Tamén Carracedo, nun momento xenial da súa lección, revelou ao público que calquera, na súa casa, pode coñecer o ADN do chícharo.

jueves, septiembre 25

Paisaxe

Mariano Rajoy, un home de espírito decimonónico que utiliza a miúdo expresións como “ni hablar del peluquín”, dixo hai uns días algo fabuloso: a imaxe é irrelevante nunhas eleccións. Rajoy é un home de paisaxe retórico máis que estético tamén porque lle convén. Unha das grandes marabillas da xenética é que aínda non se deixa deitar polo poder, sobre todo polo poder omnívoro de quen todo o desexa: a Berlusconi, un home de espírito posmodernista, a vida lle deu poder, diñeiro e carisma, pero púxolle na conta os centímetros e mais o pelo. A nós, guapísimos xornalistas de provincias, enternécenos saber das taras berlusconianas, e entendemos certa xusticia poética no traballo dos pequenos deuses que nos atenden. Que Bono gardase a penas amargas bágoas no funeral pola víctima etarra é natural e ata podería pensarse que é mostra de alivio, pero imaxinen que o atentado fose o mesmo día no que Bono, autoridade do Estado, estrease cabeleira: imaxinen, si, imaxinen velo chegar co pelaso novo ao funeral, saudando os militares, bicando a viúva, dándolle unha aperta ao orfo e poñéndose en primeira liña xunto a un Zapatero que pensa: “Volveuse tolo”. A política é unha arte puritana na que se amontoan, como en todo puritanismo, fermosos pecados, entre eles a vaidade, a máis sinxela e desculpable debilidade humana.

jueves, septiembre 11

Outono

Sobrevivir sen vieiras ou, peor, sen Toñi Vicente: calafríos ao pedir un chourizo quente servido en prata, e poñer zapatos grandes e negros, como os que lle vexo aos ionquis na cola do comedor de San Francisco. Ver o fútbol de novo con certa resignación, recollido nunha intimidade case familiar, e poñer bufanda na casa aprendendo a coser: mercar ducias de gatos. A Praza da Verdura murcha coas cerdeiras desfloradas, como vermes de seda, e á tardiña as castañas quentes da Ferrería envoltas en papeis do xornal de hoxe. Propoñer sexo duro a mulleres de moral distraída, e ao chegar á casa bicarlles a meixela e invitalas a té para falarlles da miña paixón por Sherlock Holmes: e que non treman. Ao chegar o outono mirar polo meu corpo e pola miña saúde, e recoñecelos como meus cunha desas apertas que lles dan as noivas dos soldados cando voltan da guerra. Comprobar se o Che de Soderbergh é o mesmo que o de Jon Lee Anderson, e seguir a imaxinar o Che de Losantos. Facer reportaxes no xornal que non falen doutra cosa que de min, e ocultalo aos lectores: por exemplo, as consecuencias da conduta Duchovny. Lembrar o gran fracaso dos trinta: máis da metade da vida bebendo. Mercar máis gatos, coser máis deprisa. Calar sempre, escribir sempre. Non ter medo á noite nin ao espello. Bonasera, Bonasera, que carallo ves facer na voda da miña filla.

jueves, junio 26

Aldeas

A noticia é que unha responsable de Navantia en Madrid lle respondeu ao escrito dun traballador ferrolán: “No sé si lo escribe su hijo de dos años o si es algún dialecto del que hablan ustedes en la aldea”. As relacións das linguas periféricas coa capital é estraña: sempre hai bois soltos. Co cambio de goberno na Xunta externalizouse un servizo polo cal os gandeiros avisaban nunha centraliña dos animais morto, e dende esa centraliña púñanse en contacto co servizo de recollida. A xente atopábase con que lle falaban en castelán, e non entendían o galego: a centraliña estaba en Madrid. Nin eles entendían o idioma nin os outros sabían falar outro: paradoxos do BNG. Esta responsable de Navantia prefire o repaso: un “habláme el idioma del imperio” versión século XXI. Está ben: é outra maneira de velo. Teño diante de min unha entrevista en El Cultural no que unha escritora galega di que pode haber no futuro xeracións monolingües pechadas ao inmenso mercado que ofrece o castelán. O curioso é que a min o mercado ábreseme mellor se escribo en galego, que non é o meu primer idioma: outro paradoxo. Se para evitar o exterminio do castelán hai que facer referencia a aldea (dende a cidade sempre se mirou con displicencia iso da aldea: lémbralles aos galos) se fai: a cousa é que a ese traballador de Navantia non lle falte pan na mesa.