Como todo libro dun autor descoñecido que un le fun rápido á rede buscar cousas non sobre Ousmane Sembene nin Martin Pawley, padriño espiritual deste cineasta e escritor senegalés cuxa morte foi moi escrupulosamente esquecida polos medios españois que se miran no espello de The New York Times e Le Monde (pero que non fan alomenos á mesma velocidade o que fan NYT nin LM), senón pola sorte de Ibrahim Dieng, o protagonista dunha novela curta e militante que editou este ano Rinoceronte e que leva por título O xiro postal. Con ela fixo Sembene a primeira película (Mandabi, 1968) rodada enteira nunha lingua africana, o wolof. O seu protagonista é un home en permanente desacougo desde a chegada dunha boa noticia: o xiro dun parente dende París. A revolución é instantánea ao seu arredor, despoxada de sutilezas: emerxe con crueza a fame, a desesperación, as hipócritas invocacións á Alá e o funcionamento dunha burocracia poscolonial enferma e incapaz de servir a un analfabeto. Cal é a sorte deste Ibrahim Dieng metido, como un Cándido africano calquera no continente perdido, nunha espiral a ratos kafkiana na que a pesar dos seus súbitos ataques de optimismo sempre hai algo máis de desolación gardada para el, convertido de súpeto por Sembene en exemplo dunha poboación que, como Sísifo, ve chegado o momento de coroar o cumio para caer aínda máis lonxe del? Metáfora da propia historia, mergullada nun barrio de Dakar e camuflada nos dramas persoais dos senegaleses vixiantes de que ao veciño non lle chegue, de madrugada, algunha saca de arroz, de Sembene, unha das maiores figuras culturais africanas, non había pegada literaria en España ata O xiro postal, na traducción de Isabel García Fernández. A novela deixa ao fachendoso e ferido Ibrahim Dieng agasallando con arroz aos veciños, abandonada xa, á dantesca maneira, toda esperanza. "Non hai nada máis fermoso que a vida", cita Pawley a Sembene, "mais tes que ser quen de compartila". Tamén con certo pesar.
jueves, agosto 7
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario