Me he trasladado! Redireccionando...

Deberías ser trasladado en unos segundos. De no ser así, visita http://www.manueljabois.com y actualiza tus enlaces, gracias.

viernes, enero 30

Os mortos

Antigamente eran as mulleres as que ían comprar a caixa para o morto e volvían con ela baleira sobre os moños na cabeza. Unha factura que se conserva dos anos corenta ten o prezo do cadaleito, da roupa negra e do quilo de pan, porque as distancias eran longas e moita xente durmía na casa do morto. Naqueles velorios achegábanse os parentes a levantar o defunto e facerse fotos con el. O peito enorme dunha romana achegouse ao cadáver de Julio César e derramou leite dentro da súa boca. Tamén a morte perdeu liturxia. Nin os enterros se celebran pola mañá nin son sempre as mulleres as que marchan elixir a caixa como quen vai a Portugal mercar toallas. Ao lado de Valle na mesma noite de tormenta de Boisaca enterraron os falanxistas un can morto. Aínda hai familias que pagan o mellor cadaleito porque “traballou toda a vida e merece descansar ben”. Unha veciña de Anceu, en Ponte Caldelas, queixábase hai anos de que se lle aparecía unha irmá morta que non a deixaba en paz e pronunciaba o seu nome na soidade da casa. Ata que un día, no cemiterio, achou que a porta do seu nicho andaba medio aberta e batía co vento. “Pobre miña irmá", dixo, “chamábame porque non quería que rompese e botase gasto na casa”.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Un veciño meu estaba moi ledo porque a urna da súa finada era moi soleada e con vistas á ría da Arousa.

M. dijo...

Sempre terá a súa veciña máis descanso que o pai de Keith Richards. E iso que Keith Richards non tiña vistas á ría de Arousa.