O Concello de Caldas viuse envolto nos últimos meses nunha cuestión de Estado. Unha rapaza dispuxo dun teléfono para chamar unha e outra vez ao 905411541:66.342 chamadas, a unha media de dúas chamadas por minuto, mañá e tarde, para o cal se abría o Concello. Ao outro lado da liña, cobrando 0,95 euros por trinta segundos, o programa Son de estrelas. E un obxectivo manifesto, da rapaza e do Goberno local: salvar o soldado Ryan, que viña sendo María Chenlo, a cantante de Caldas que chegou ata a final. O apoio, xustificado polo tirón que lle daba a Caldas publicitariamente a moza, saíu nuns sete mil euros. Os Independentes de Caldas falan dun auténtico escándalo que ten que ter responsabilidades políticas e incluso penais.Desde logo que o é: con sete mil euros non se pode ir a ningún sitio. Pódese facer máis, e o que queda agora é un exercicio de autocrítica para preguntarse por que non había disposta unha partida millonaria: paga o Madrid trinta quilos por Pepe e non imos nós rebentar as accións de Telefónica poñendo a un exército chamando a Son de estrelas. Pero non perdan de vista á rapaza: para estar soa, e cuns medios pobres e un orzamento de coña, solventou ben a papeleta. Que lle poñan unha cláusula de rescisión, a ver se con ela metemos as augas termais nas marabillas do mundo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario