Acaba de chegar d´A Habana, onde atopou o acto de amor da moza Yalenis Velazco, que lle dedicou á súa obra un intenso ensaio. "Un libro que amo e gardarei para as herdanzas", escribiu hai unha semana, feliz como un neno, nun artigo tenro e cheo de vida publicado no Diario. A Xosé Vázquez Pintor correspóndelle unha linguaxe única, coa que fabricou A memoria do boi, un dos libros máis extraordinarios que sobre Pontevedra se teñen escrito nunca, e non esquecemos Castroforte del Baralla: pechando o círculo, a novela de Pintor mereceu o premio Torrente Ballester. Fai do seu vello labor un oficio tradicional: o de traballar a palabra deixándoa secar ao sol e debuxando nela a pegada da vida. Os vellos oficios, o seu ensaio tan celebrado, é o intento de manter certa dignidade: a testemuña dos traballos cos que sobrevive tamén un idioma propio que pérdese, e co que Pintor traballa case con furia. De tantos homes e de tantos nomes que el foi, sae lesbiana na súa Para dicir abril, coa que gañou o Vicente Risco. Chegaron hai días dous exemplares para os seus amigos deste xornal, e logo á súa volta de Cuba a amizade das súas palabras no correo coa aperta de buxo tan festexada por quen compartimos unha idea da vida: tardar moito en marchar, rir no amor e na amizade e disfrutar da calor da palabra, do minuto aquel do esplendor na herba. O demais, ben o sabemos, é silencio.
sábado, marzo 1
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario