Me he trasladado! Redireccionando...

Deberías ser trasladado en unos segundos. De no ser así, visita http://www.manueljabois.com y actualiza tus enlaces, gracias.

jueves, febrero 15

A opositora

Hai formas e formas de encerrarse nun coche. No meu antigo barrio tiñamos o coche-poboado, no que convivían en paz e harmonía uns dous mil ionquis. Era un Renault sen cristais polo que fuxía o suave aroma do cabalo: tiñan os ionquis moi contentos aos veciños, que louvaban periodicamente a súa conduta en cartas nos xornais. Tamén deu conta a prensa estes días do coche-cohete: aquel no que unha astronauta perccorreu miles de quilómetros para matar a unha colega por celos amorosos, que é unha cousa moi universal. Entre outras armas, requisáronlle pañais nos que ía gardando o odio que lle marchaba corpo abaixo: non era cousa de parar a tales minucias. E agora temos en Santiago o coche-biblioteca, que ten despistado a todo o mundo. O coche servíu tradicionalmente para todo tipo de condutas delitivas: sexo en aparcamentos públicos, consumo masivo de drogas e paseos polo centro da cidade con cancións a todo volume de Daddy Yankee. De aí o asombro do pobo: unha compostelá leva vinte días preparando unhas oposicións ao Sergas encerrada no seu vehículo, un Fiat Punto azul aparcado no barrio das Cancelas: un Fiat, ademáis, sen tunear. Trátase dun abnegado exercicio no furioso inverno compostelán: unha historia que vén levantar o espírito da cidade, ensimismada coa choiva. Pero chegou a prensa: chegamos nós, coa acostumada fame de historias cotiás que “toquen o corazón”. E dende que se fixo público o coche-biblioteca a rapaza dedícalle máis tempo a rexeitar entrevistas que a estudar: acabará aprobando as oposicións para Isabel Pantoja. Mais a fama pode ser mala para o famoso, pero nunca para os que o rodean: antes de que todo acabe, alguén con tempo e ilusión debería facer un estudo serio sobre o impacto turístico deste coche-biblioteca, e empezar de paso a negociar os dereitos televisivos das oposicións. Iso, se antes do exame a nosa rapaza non se volve tola. Porque vendo ese coche aparcado en soidade, unha cousa xa quedou moi clara: o Sergas, definitivamente, está acabando con nós.

No hay comentarios: