Me he trasladado! Redireccionando...

Deberías ser trasladado en unos segundos. De no ser así, visita http://www.manueljabois.com y actualiza tus enlaces, gracias.

jueves, abril 19

Matria, Lingua e Poesía

(Mañá publica Xosé Vázquez Pintor no Diario de Pontevedra un dos máis fermosos cantos a esta lingua que eu teño xa non lido, senón escoitado. Porque a pouco que un lle preste atención, as palabras de Pintor escóitanse: non hai maior virtude)

Matria, Lingua e Poesía


Mañá sábado, vinteún de abril 2007, o Premio Esquío, coa presentación do libro “Poesía viva, pura poesía”(antoloxía:1981-2006) e a Festa dos seus 25 anos (máis un), honra unha arquitectura de Feira Antiga, xa Patrimonio, na vila pontevedresa de Agolada. Pode ser un día distinto para moita xente do común. Sempre hai unha data significativa nos agradecementos. Con certeza vaino ser tamén para min. Un embigo grande medra en cadaquén e hai un tempo inescusábel para o desabafo ou o ridículo: esta é a miña crónica coa Lingua en sesenta anos de intemperies. E pido desde xa perdón se ofende tanta cativeza para tisnar de biografía unha columna xornalística.

Cando eu chegaba por primeira vez a esta vila labrega viña nos ollos dunha nai que me vestía de cariña redonda e cabelos de ondas en periquetes rechamantes; gastaba unha fala en castelán que sorprendía por novedosa e era un neno cariñoso e pregunteiro con calquera que visitaba nos días e nos meses posteriores a xastrería do meu pai. Porén a infancia medra e os arredores marcan nas viradas. Non tardei en falar o galego coma ti e en sentir que os xogos e os amigos levan cara adiante. A miña nai foise afacendo a esta mutación lingüística do seu único fillo, que chegara coma un galano serodio á súas vidas. Nunca un mal xeito, nunca unha palabra de desprezo para a lingua de Santa María de Melide e de Quian de Carmoega: os seus niños de alma.

Xa perto das súas definitivas ausencias, cando a vida non pode, sóubenos felices coa miña decisión de usuario do galego, sen renuncias, e co respeto polas outras linguas que eran de achegas na conversa, en libros, tvs, radios e xornais. A miña nai foi o derradeiro elo coas estirpes. No ano de 1989 recibía desde O Ferrol a nova da sorte polo Premio Esquío. Díxenllo coa ledicia daquel outro neno grande, xa case careca e da cara longa do común dos feos consentidos. Sorrimos e démonos un bico ao pé do leito que a tiña de acollida na nosa casiña de Cangas. Na edición do poemario estaba a adicatoria: “Pra Antonia”. Ollou e soubo do arrecendo a obra nova na que escoitaba o seu nome por primeira vez en letra de libro. Bagullamos un chisco e ficamos de volta alborecidos coma ouriolos no Sobreiral do Arnego ou nas fragas de Coiro ou de Abelendo.

Cando dei en profundar na tolemia dos enquisas que anuncian a ruina e a case morte para a Lingua de noso, tirei da carabina da memoria e relataba, na oportunidade das miñas clases de galego cos alumnos dos Institutos do Santa Irene de Vigo, do Ramón Cabanillas de Cambados e da Xunqueira de Pontevedra, nun silencio abraiante, esta crónica rendíbel cara aos afectos de familia que agora digo aquí, en hora e día en vísperas da miña estimación cara á Sociedade de Cultura Valle Inclán de Ferrol, por nos ter de Festa nos Pendellos da vila que me ollou en medras sucesivas, en sintonías coas palabras daquelas voces que xa non están e fóronse, coma os meus pais, cabo de lonxe, deixando herdanza e compromiso. Cómpre saber que a Lingua, máis e antes que calquera arquitectura e arte e nombradía que nos conmove, é quen resiste e vai identitaria de compaña coas idades do Amor e das entregas.

Pois velaí a miña tripla emoción -explícita no título- por esta data. Que a fundacional “Pousa de Augalevada” que din as crónicas de antigo, emerxa definitiva sobre a pedra de noso, que son patrimonio, para a reconquista da cultura, a modernidade e o progreso-tal soñara, hai máis de setenta e un anos, Primo Castro Vila: labrego, alcalde e taberneiro. E haxa outrosí Poesía neste País de Sempre Poetas.

Xosé Vázquez Pintor

Agolada, abril do 2007

4 comentarios:

conde-duque dijo...

Precioso texto. Da gusto esa música, que resuena dentro, muy dentro, como por valles, playas y montañas...
Para mí, ignorante, el gallego vivo siempre ha sido éste (lagarto, lagarto, oh normativistas): "É no intre en que a terra, pra se durmir, vaille virando as costas â luz e o fume das tellas, mesto e leitoso, vaise esparexando no fondo do val".
Y: "Onde hay un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagóu e polo gran sentimento de quen o fixo".

Anónimo dijo...

Precioso texto la verdad. Enhorabuena al autor

M. dijo...

Esquecín dicirlle aos meus (queridos) lectores non familiarizados coa literatura galega quén é o meu amigo Vázquez Pintor (corto e pego):

"Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946, aínda que a súa infancia e a súa xuventude transcorreron en Agolada. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, a súa actividade cultural desenvólvese en diferentes ámbitos.

Como escritor, cultiva a poesía (Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, Ofidios de diario, Na vertical da noite, No corazón mancado, Rotazón violeta, Banzados), a narrativa (De ida e volta, Lume de biqueira, Quen faga voar, A memoria do boi), o ensaio (de carácter antropolóxico: Os vellos oficios, A tribo sabe) e o teatro (A fraga encantada, A sombra da memoria e Teatro do patacón, aínda inédito).

O seu labor literario ten sido recoñecido con numerosos premios: Eduardo Pondal, Cidade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester, Premio da Crítica Española.

Moi vinculado á escena, funda os grupos teatrais Ancoradouro e Casa da Bola na vila de Cangas, onde reside. Asimesmo, colabora con frecuencia na radio e na prensa (foi membro fundador do semanario A Nosa Terra)".

No sabeis lo que me alegra que os haya gustado. De Pintor otro día cuelgo "E Primo Castro soñaba", el mejor artículo periodístico que leí el año pasado. Saludos.

Anónimo dijo...

El del segundo comentario era yo. Se me olvidó firmar. Bueno, aprovecho para enviar saludos y que cuelgues algún texto más del estilo.
Serafín Alonso