Ao final, da rapaza Maddie xa pouco queda. A noticia non vén sendo a vítima, senón os culpables. O único divertido é esa animación patriota da prensa inglesa e lusa. Esas cousas pensaba un que pasaban nos Mundiais: seica tamén se fai patria na desaparición dunha nena. Agora a Policía non descarta entrar no diario de Kate, esa naiciña, con orde de rexistro. Descoñezo a fronteira ética do asunto, pero entendo que se alguén mente á Humanidade enteira non vai escribir a verdade no seu diario: primeiro, porque nin se acorda. Un diario, que cousas. Pero o que a mín non me deixa durmir é o diñeiro. Esa colleita tremenda made in David Beckham onde irá. Pensábao mentras pasaba as páxinas do xornal (para atrás, como é lei) e chegaba a unha reportaxe sobre a Virxe dos Milagres de Amil. Ía ela cuberta de billetes, moitos deles de cincocentos (cortesía, quen sabe, do alcalde de Ortigueira). Había tanto diñeiro que a Virxe ía escoltada pola Guardia Civil: ao final a colleita chegou aos 60.000 euros, que se van para o santuario. Pero, ¿e se non hai milagres? Se hai quen pensa que a Virxe cura a coxeira, ¿ten dereito a reclamar o seu diñeiro? Non me custou poñer a eses pais ingleses tan teatrais a ombros dos seus amigos paseados polo mundo enteiro, Vaticano incluído, con billetes pegados aos vaqueiros. E agora a turba detrás deles, como de Afinsa, parva perdida. “De héroes a villanos”, dirá o periodismo, tan orixinal.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
pois cómo fuxiu o alcalde de ortigueira cando sentiu a presenza do pocholo na vila. o problema é que xa non sabes en quén podes confíar pero se queda algún recuncho de veracidade nunha persoa apostaría que atópase no seu diario. se non é así sempre podes ter un blog
Publicar un comentario