(...) En que proporción necesita o cine feito en Galicia dos medios, e en que proporción necesita tamén das subvencións?
O labor dos medios de comunicación é esencial á hora de promocionar a produción cultural dun país, aquí e en todas partes. Agora ben, xa sabemos que a cultura é sempre a primeira damnificada na distribución de tempo e espacio nos medios; se un día hai moitas esquelas, o que se elimina é a páxina de cultura, non unha de deportes ou política, poñamos por caso. Dentro dese contexto xeral a situación da cultura galega nos medios é aínda peor: a súa presenza é case testemuñal, deixáselle un oco para manter as formas mais faise con pouca convición e nin sequera quedan cubertas unhas mínimas necesidades informativas. Iso é algo que debería cambiar radicalmente. A xente sempre desconfía das subvencións mais o caso é que son necesarias e útiles. As axudas deben existir para favorecer a aparición de novas obras. Nos últimos anos a aposta da Consellería de Cultura e da Axencia Audiovisual Galega permitiu o nacemento dunha morea de producións audiovisuais e grazas a iso medrou espectacularmente a 'cinediversidade' do país. Algúns traballos que hoxe existen e dos que nos podemos sentir francamente orgullosos serían impensábeis hai apenas cinco anos. O reparto é agora máis variado e transparente; algo se avanzou, mais queda aínda moito por facer.
Ten declarado, se non erro, que non ten crìticos de referencia. Garda algunha opinión da crítica española? E da crítica galega?
Si, é certo que non teño ningún crítico en concreto como referente. Sigo e leo a moitos e moi variados críticos, aos de 'Cahiers...' e aos dos medios xeralistas, e como é lóxico uns parécenme máis valiosos que outros. Tamén hai que entender a cada un no seu contexto, coas súas virtudes e as súas limitacións. Nese sentido interésame igual de pouco o que opine Carlos Boyero sobre Abbas Kiarostami que o que escriba Carlos F. Heredero de Manuel Gutiérrez Aragón, o cal non quita que sinta curiosidade polo que digan calquera deles sobre outros cineastas. O bo xustamente é ler moito para entender as claves que rexen a cada un deles. Non hai moitos galegos a falaren sobre cinema, e os que hai non sempre dispoñen dos espacios e as plataformas axeitadas. Algúns dos textos de 'Cahiers' que considero máis valiosos están asinados por Jaime Pena. Grial Parga escribe cousas moi asisadas en El Progreso, e Ángel Santos en Miradas de cine ou José Manuel Sande na Revista AG, aínda que todos eles son amigos así que para saber o que opinan de certas películas non necesito agardar a ler os seus artigos.
Só falta tempo para que xente como Oliver Laxe o Angel Santos, a quen vostede ten eloxiado, cheguen arriba e convírtanse en cineastas de referencia?
Aínda que Oliver e Ángel non fixeran ningún outro filme o que levan dirixido xa chega para recoñecerlles un enorme talento, nomeadamente os seus dous últimos traballos, 'París #1' e 'O cazador', dúas curtas excepcionais que conectan co mellor cinema que se fai hoxe no mundo. Ángel Santos e Oliver Laxe teñen a aptitude e a actitude idóneas para facer películas que poidan ser aplaudidas fóra. Teño absoluta confianza no seu bo oficio e na súa creatividade e non digo isto motivado polo afecto, pois antes de seren amigos meus xa os admiraba como cineastas. Pasoume o mesmo con Marcos S. Calveiro nun ámbito distinto, o da literatura: eu fun o primeiro en eloxiar a súa mestría en público e a estas alturas é evidente que o tempo me deu a razón. O que me dá mágoa é que non sexamos máis a dicir estas cousas, que non defendamos con máis forza todo o bo que aquí se fai. Deberíamos ser capaces saír ao exterior e dicirlle ao mundo 'non todo o que facemos é xenial, mais hai cousas que si o son e non deberías quedar sen coñecelas'. Os organismos e institucións que terían que facer iso non o están facendo, así que ao final todo queda en mans do 'boca a boca' e o tráfico de DVDs cos amigos que colaboran en festivais ou escriben en revistas.
Cal é a visibilidade do cine galego no exterior? Vostede vén sendo moi crítico con dúas últimas longametraxes que saíron: Pradolongo e Os mortos van á presa.
A visibilidade é aínda moi limitada, mais non pasa nada, hai moito tempo por diante. Pradolongo paréceme un filme de calidade ínfima, mais o problema non é que sexa boa ou mala senón que se fomente a percepción de que é factíbel a produción dun cinema de autoconsumo ou de distribución extremadamente local. Para iso está a televisión, creo eu: o cinema é demasiado caro como para pagalo con só uns miles de espectadores potenciais. Nun país pequeno coma o noso o futuro pasa unicamente por facer produtos que poidan ser entendidos e aprezados máis alá do 'telón de grelos'. O que conta, unha vez máis, é a calidade dos contidos, e iso vale tamén para 'Os mortos...', que quere ser unha comedia popular e nin sequera chega ao nivel dunha mala teleserie con diálogos burdos e grotescos (...)
Aquí, a entrevista enteira.

2 comentarios:
Esquecín darlle unha cousa antonte...
Non ía esquecer, se esquecín eu facerlle a entrevista :)
Publicar un comentario