Me he trasladado! Redireccionando...

Deberías ser trasladado en unos segundos. De no ser así, visita http://www.manueljabois.com y actualiza tus enlaces, gracias.

domingo, septiembre 17

O can de Aguiño

A única diferencia entre os veciños que aplaudían ao alcalde de Toques e os que arroupaban ao veciño de Aguiño, gravado por un veterinario apaleando ata a morte a un can, é que os primeiros mostrábanse cómplices cun señor feudal que cría en propiedade as tetas dunha nena de quince anos, mentres que os segundos apoian a causa dun desalmado, quizais porque eles, ao seu modo, tamén o son. Os aplausos duns e outros, polo demais, soan igual: secos e xordos, coma se en lugar de bater as palmas das mans batesen uños de porco. Non é estraño polo tanto que se queira desviar con urxencia a atención: un diario galego xa se queixaba onte da “demonización” do pobo, contaba as causas que levaron ao home a dar a paliza e denunciaba as ameazas anónimas que sofre dende toda España (hoxe ese xornal vai moito máis alá: "pero rechazando la paliza que le dio al perro"). Polo demais, ao calvario físico do can séguelle, por lóxica, o calvario do veterinario. Trátase, besbellan as vellas, dun tipo que entrou no pobo con mal pé. Ao mellor ata foi el, e non o can, o que comeu os dous pavos reais que tanto botou en falta o agresor. Acabará liscando: tamén liscou a familia da nena de Toques que tivo a ousadía de atacar coas súas tetas as limpas mans do alcalde. Quen tivera a mala sorte de ver a gravación non poderá esquecer as imaxes: o terror do animal e o eco dos seus xemidos. É curioso: a diferencia dos aplausos dos veciños, que son aplausos de animais irracionais, o choro desesperado do can semella humano. Tamén o é a súa lealdade: déixase morrer sen atacar ao amo. Pero non hai lugar: non é igual que el. Nin fai as cousas que el fai, nin sequera na súa defensa: o can preferíu non poñerse á altura do home. Os seus veciños, en cambio, acomodáronse moi rápido.

No hay comentarios: